NOTICIAS RELACIONADAS

Martes, 15/2/2011
O primeiro tenente de alcalde, Henrique Tello, asegura que o estudo é unha ferramenta fundamental para a sociedade coruñesa, xa que analiza as consecuencias, en materia de emprego, do maior investimento público na historia da cidade
A entrada en funcionamento de Punta Langosteira incrementaría nun 14,57% a oferta de traballo no sector, segundo o estudo realizado pola UDC e financiado polo Concello
O primeiro tenente de alcalde e responsable da Área de Promoción Económica e Comercio, Henrique Tello presentou hoxe o estudo "Impacto económico do Porto Exterior sobre o emprego na Coruña e outras oportunidades de negocio". No acto de presentación estivo presente a directora do Observatorio Ocupacional da UDC, e autora do estudo, María Xesús Freire e o reitor, José María Barja. O estudo está financiado polo programa Rede Coruña Emprega, desenvolvido pola Concellaría de Promoción Económica.
Henrique Tello asegurou que, nestes momentos, a Universidade da Coruña é a "sala de máquinas" da sociedade coruñesa "xa que estamos a analizar as consecuencias do investimento público máis grande na historia da cidade, estamos a falar da primeira industria da Coruña tanto por postos directos como indirectos".
De feito, a finalidade do estudo era analizar o impacto que Punta Langosteira terá sobre a empregabilidade así como as oportunidades de negocio relacionadas co porto e o transporte marítimo. Para realizar este informe entrevistouse a 455 empresas que teñen a case 3.000 traballadores en persoal. Entre outros datos constatouse que o 14,57% destas empresas buscan traballadores, un dato que a autora do estudo cualificou de "enormemente positivo".
Do estudo realizado despréndese ademais que case o 50% dos empresarios cren que as perspectivas que ofrece o novo porto exterior son excelentes, boas ou boas con condicións, "o que significa que a pesar da situación de desencanto e escepticismo que se está a vivir case a metade do sector empresarial está esperanzado coa construción desta nova infraestrutura", apuntou o primeiro tenente de alcalde.
Henrique Tello destacou tamén outra das conclusións do estudo: case o 50% das empresas consultadas demandan unha formación especializada. Os empresarios, tal e como se pon de manifesto no estudo, dan máis importancia ao currículo en competencias específicas que ao currículo normal. De aí a relevancia que cobra o programa Rede Coruña Emprega que ofrece cursos en relación coa demanda real do sector empresarial. Por este motivo, e segundo apunta Tello, con este estudo o Concello e a Universidade ofrecen á sociedade coruñesa "unha ferramenta para liquidar o problema fundamental que existe neste momento como é o desemprego".
E é que o obxectivo deste estudo era facer unha diagnose do impacto que a entrada en funcionamento de Punta Langosteira tería sobre a empregabilidade. Neste sentido, María Xesús Freire cualificou de "pioneira" esta iniciativa "porque dunha vez por todas e cun ano por diante sábese o que queren as empresas, a formación que buscan e a cantas persoas contratarían".
O vindeiro luns 21 de febreiro, o estudo, que se publicará nos próximos días, será presentado á sociedade nun acto público que se realizará ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade.

Venres, 4/2/2011
A Rede Coruña Emprega alcanza a inserción laboral do 52% das persoas que participan no programa
O primeiro tenente de alcalde e responsable da Área de Promoción Económica e Emprego, Henrique Tello, presentou os resultados da primeira fase do programa Rede Coruña Emprega. Un programa que ten como obxectivo promover a cooperación da Administración Local cos axentes sociais e económicos na coordinación das políticas activas de emprego.
A Rede Coruña Emprega, que se desenvolveu no período 2008-2010 contou cun orzamento de 2.024.958 euros e estivo financiado no 80% polo Fondo Social Europeo. O 20% restante polo Concello da Coruña.
Dende este programa fixáronse dous obxectivos: detectar as oportunidades de emprego na cidade da Coruña e realizar unha formación idónea a esas necesidades de emprego. Para iso, realizouse unha análise da situación dos servizos de apoio á busca de emprego na Coruña e un estudo sobre o impacto no emprego do Porto Exterior, que será presentado nas próximas semanas.
Unha vez realizado este primeiro paso o Concello asinou un Pacto Local polo Emprego con 20 entidades tanto do terceiro sector, como sindicatos, entidades financeiras e Universidade da Coruña. Entre as accións que se levaron a cabo a través do Pacto Local polo Emprego están o desenvolvemento de itinerarios integrados de inserción laboral, a visibilización das boas prácticas e a creación do Distintivo REDE. Henrique Tello sinalou a importancia das boas prácticas "porque non se trata só de dar emprego se non de que este sexa de calidade e ás veces os compromisos están nun papel pero non se cumpren".
A intermediación laboral coas empresas foi un dos logros conseguidos pola Rede Coruña Emprega, xa que se conseguiu contactar con 166 empresas coas que se asinaron 65 convenios de colaboración, 223 estadías de prácticas, ademais de levar a cabo 22.000 horas de prácticas.
En canto aos resultados dos itinerarios logrouse a inserción do 52% das persoas participantes. En total conseguiron un emprego 117 persosas (39 homes e 78 mulleres). Por sectores, a maior porcentaxe de inserción foi a sociosanitaria (axuda a domicilio, discapacidade) cun 86%, actividades administrativas (67%), enerxías renovables (50%) fabricación mecánica (50%) e transporte adaptado e asistido (43%).
Actuacións de futuro
Co obxectivo de non paralizar o programa ata o mes de xuño, data na que se resolverá a seguinte convocatoria, a Concellaría de Promoción Económica realizou un importante esforzo orzamentario para darlle continuidade ao programa durante os próximos meses con recursos propios. Henrique Tello anunciou que dende a Concellaría de Promoción poñeranse en contacto coa totalidade do empresariado coruñés para saber cales son as súas oportunidades de emprego e trazar así novos itinerarios de inserción.
Cara ao futuro, a Rede Coruña Emprega preséntase como obxectivos atender a 2.000 persoas, conseguir a inserción laboral de 1.000 despedidos, concertar 1.650 itinerarios e chegar a convenios coas empresas que permitan 50.000 horas de prácticas.
Fonte consultada http://www.coruna.es/


Mércores, 7/7/2010
A porcentaxe de inserción laboral dos usuarios que acoden ao centro sitúase no 40%, chegando a superar o 50% na rede Coruña Emprega
O Servizo Municipal de Emprego atendeu no 2009 máis de 6.200 persoas
O Servizo de Promoción Económica de Emprego multiplicou por tres o seu orzamento dende o 2007 tal e como se reflicte na Memoria 2009 presentada polo primeiro tenente de alcalde, Henrique Tello, quen destacou a intensa actividade do centro tanto en materia formativa como de orientación e intermediación laboral.
Un dos logros máis importantes deste centro, tal e como destacou o responsable da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, céntrase no elevado grao de fiabilidade e credibilidade conseguido a través dunha oferta formativa adaptada e orientada á demanda laboral real e á alta calidade dos servizos prestados no centro.
Este intenso labor do Servizo Municipal de Promoción Económica e Emprego que logrou conseguir unhas importantes porcentaxes de inserción laboral que superan o 50 por cento no caso dos participantes nos cursos de formación da Rede Coruña Emprega e do 40 por cento dos usuarios que pasan polos puntos de Atención de Emprego do propio centro.
O pasado ano o Servizo Municipal de Promoción Económica e Emprego atendeu un total de 6.224 persoas, rexistrándose unha media de consultas semanais de 1.745 e un total de 2.040 subscritores do servizo de información a móbiles que recibiron máis de 265.000 mensaxes con información relativa a ofertas de emprego ou cursos de formación.
A Web de Emprego Municipal (WEM) rexistrou un total de páxinas visitadas de 453.162 en 90.731 entradas. A través desta páxina resolvéronse ademais outras cuestións como consultas de procura de emprego (580), busca de formación (362), información sobre como crear unha empresa (181) ou contestacións a ofertas de emprego (55), entre outros servizos.
Información e orientación para o emprego
Outra das grandes áreas de actuación do Servizo Municipal de Promoción Económica e Emprego céntrase na información e orientación para o emprego, unha área de acción que agrupa as actividades deseñadas para proporcionarlle información sobre emprego á cidadanía e na que se desenvolven programas diferentes en relación coa diversidade de destinatarios, de modo que se lles facilite a información a través dos medios máis adecuados para as diferentes necesidades ou perfís. Así, no caso das persoas demandantes de emprego, realízase o asesoramento personalizado na procura de emprego e articúlanse itinerarios personalizados de inserción e avance da ocupabilidade.
Os puntos de atención para o emprego (PAE) atenderon o pasado ano un total de 2.632 persoas (1.379 homes e 1.253 mulleres).
Máis de 30 cursos de formación ocupacional propia
A oferta de formación ocupacional amplíase con outros cursos promovidos e financiados integramente polo Concello para contribuír ao avance á capacitación profesional e ampliar as posibilidades de emprego. No ano 2009 realizáronse 33 cursos cun total de 5.471 horas de formación impartidas. Un curso menos que o ano anterior pero cun total de 1.113 horas máis de formación impartida. O número total de alumnos foi de 478 persoas, das que 338 (70,7%) foron homes e 140 (29,3%) mulleres.
A maior demanda para participar nos cursos deuse na especialidade de inicio á soldadura con 355 solicitudes e conseguindo unha taxa de cobertura do 8,45%. Outras especialidades cunha alta demanda foron tamén as de ofimática, manipulador de alimentos, electricidade e pintura.
Ademais, desenvolvéronse programas integrais para a empregabilidade como o foro a Escola-obradoiro contorno da Torre de Hércules (56 participantes), o programa Posto a Posto VIN (100 participantes), e Rede Coruña Emprega (534 participantes).
Cursos con compromiso de contratación
Outra das liñas seguidas dende o Servizo centrouse no apoio á inserción a través da realización de cursos con compromiso de contratación a través dos que non só se exploran novas formas de inserción laboral senón que ademais lle ofrece ao empresariado formación á carta co fin de cubrir os seus postos de traballo vacantes, ponse á súa disposición unha canle de participación na formación dos seus futuros traballadores e ensaia unha fómula de inserción laboral directa.
No ano 2009 realizáronse un total de sete cursos con compromiso de contratación nos que participaron 103 persoas, o 73 por cento foron mulleres e o 28 por cento homes.
Difusión da cultura emprendedora
Durante o pasado ano o Servizo Municipal de Promoción Económica e Emprego organizou diversas actividades deseñadas para proporcionarlle información sobre o emprego a toda a cidadanía con distintos proxectos dirixidos a centros educativos, foros e xornadas nas que participaron 779 persoas.
Ademais realizáronse accións de apoio á actividade empresarial como Foro de Promoción Económica e Social que ten como obxectivo crear un foro de debate sobre a actual situación económica, xerando estratexias de traballo e negocio para o futuro da cidade. Durante o ano 2009 participaron no foro persoas de recoñecido prestixio internacional como Pakaj Ghemawat, Isabel Aguilera ou Raúl Peralba.
O Alén, II Salón Coruña Oulet superou o pasado ano a marca de asistentes con máis de 80.000 visitantes en tres días e no que participaron un total de 80 comercios da cidade. A esta iniciativa súmanse outras moitas como a campaña de promoción dos mercados municipais, os distintos estudos técnicos realizados como a Guía de implantación e avance comercial, o estudo da revitalización da Cidade Vella, ou Mercocidade 2009, entre outros.

Fonte consultada http://www.coruna.es/

Martes, 11/5/2010
Enmárcanse dentro da rede Coruña Emprega e posibilitarán a realización de 820 horas de formación específica ocupacional, 290 horas de prácticas profesionais titorizadas e 300 horas de formación transversal
O Concello asina sete convenios de colaboración con diversas entidades sociais
O primeiro tenente de alcalde e responsable da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, Henrique Tello, asinou varios convenios de colaboración dentro da Rede Coruña Emprega, coas entidades Fundación Mulleres, Ecos do Sur, Cáritas, Cruz Vermella, Equus Zebra, Cogami e Ecodesarrollo Gaia.
A través destes convenios establécese a realización de diversos cursos. Así, Fundación Mulleres impartirá a través deste convenio 100 horas de formación transversal ou complementaria en "Igualdade de oportunidades entre homes e mulleres" a 150 persoas dos Itinerarios Integrados de Inserción sociolaboral. Ecos do Sur impartirá 50 horas de formación transversal en "Fomento da non discriminación e loita contra a exclusión social" a 75 persoas destes Itinerarios. Equus Zebra pola súa banda realizará outras 50 horas de formación centradas en "Fomento da non discriminación e loita contra a exclusión social" a 75 persoas. O convenio asinado coa entidade Ecodesarrollo Gaia establece a realización dun total de 100 horas de formación transversal ou complementaria en "Coidado e respecto ao medio" a 150 persoas usuarias dos Itinerarios Integrados de Inserción sociolaboral.
Cogami impartirá 200 horas de formación específica ocupacional na especialidade de "Coidado de persoas con discapacidade física e psíquica" a 15 persoas dos itinerarios de Inserción sociolaboral. Ademais xestionará un módulo de práctica profesional tutorizada en empresas do sector profesional no que se realiza a formación específica ocupacional cunha duración de 105 horas.
Cruz Vermella pola súa banda impartirá 370 horas de formación específica ocupacional na especialidade de "Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais II" a 15 persoais usuarias dos Itinerarios Integrados de Inserción sociolaboral e xestionará a práctica profesional tutorizada en empresas do sector cunha duración de 80 horas.
Por último, Cáritas impartirá 250 horas de formación específica ocupacional en "Atención especializada en enfermidade de Alzheimer" a 15 persoas usuarias dos Itinerarios Integrados de Inserción sociolaboral e 105 horas de práctica profesional titorizada en empresas do sector.
Os convenios establecen ademais o compromiso por parte das empresas de intentar conseguir o 40% de inserción laboral dos participantes nos cursos.

Fonte consultada http://www.coruna.es/

Venres, 30/4/2010
Establece a realización do "Estudo sobre o impacto do Porto Exterior no emprego na cidade da Coruña e outras oportunidades de negocio"
O primeiro tenente de alcalde asina un convenio de colaboración coa UDC dentro da Rede Coruña Emprega
O primeiro tenente de alcalde e responsable da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, Henrique Tello, asinou un convenio de colaboración dentro da Rede Coruña Emprega co reitor da UDC, José María Barja. O convenio establece a realización do "Estudo sobre o impacto do Porto Exterior no emprego na cidade da Coruña e outras oportunidades de negocio". Este traballo inclúe a análise documental que sirva como contextualización previa á análise do impacto económico e territorial da prestación de servizos no Porto Exterior coruñés, o resultado da análise do impacto dos novos servizos portuarios sobre o tecido produtivo existente na cidade e o estudo das novas tendencias en canto á especialización profesional relacionada coas actividades portuarias.
O primeiro tenente de alcalde, Henrique Tello, incidiu tras a sinatura do convenio na súa importancia xa que dotará o Goberno local dun estudo serio e rigoroso sobre o impacto do porto exterior no mundo laboral. Iso permitirá orientar e adecuar a formación que se ofrece a través do Servizo Municipal de Promoción Económica e Emprego e das entidades da Rede Coruña Emprega ás necesidades e demandas reais das empresas, facilitando e impulsando a súa inserción laboral á vez que se aumenta a cualificación e especialización dos traballadores nas empresas.
A realización deste estudo supón ademais unha ferramenta eficaz xa que permitirá contar cun estudo concreto e determinante para loitar contra o paro, tal e como sinalou o primeiro tenente de alcalde, Henrique Tello.
O reitor da UDC, José María Barja, coincidiu en sinalar a importancia deste convenio, que vén formalizar un traballo iniciado xa hai meses e que permitirá o inicio inmediato do estudo que poderá ser presentado antes de finais de ano.
A responsable do Observatorio Ocupacional da UDC, María Xesús Freire, coordinadora do estudo, destacou que a fiabilidade deste roldará o 98%, o que o converterá nunha base sólida para as posteriores iniciativas destinadas a potenciar e mellorar a situación laboral na Coruña.
O estudo inclúe, entre outros apartados, a realización dunha enquisa a todas as empresas exportadoras e importadoras susceptibles de empregar o porto exterior coruñés situadas en Asturias, Galicia e Portugal, a quen se lles consultará sobre as súas necesidades para empregar o Porto Exterior coruñés, cantos traballadores precisarían, que tipo de cualificación requiriría cada un dos postos...
As expectativas de creación de postos de emprego son moi positivas, segundo os responsables do estudo que levan xa meses traballando na preparación das ferramentas necesarias para iniciar o traballo e iniciaron xa contactos con algunhas das empresas. O impacto económico do porto exterior e a súa influencia na creación de empregos verase complementada así mesmo pola creación da área de influencia do polígono de Morás que sumará máis dun millón de metros cadrados máis de superficie industrial.
UNIDOS POLO EMPREGO
Rede Coruña Emprega é un proxecto ao que están adheridas vinte entidades económicas e sociais da cidade e cun orzamento de 2.025.000 euros dos que un 20% é achegado polo Concello e o 80% restante pola Unión Europea.
Esta Rede estará conformada polas Concellarías de Promoción Económica e Emprego, de Servizos Sociais e de Igualdade e Participación Cidadá, xunto coas principais entidades públicas e privadas do territorio, e baseada no compromiso, a concertación, o benestar social, a innovación e a calidade.
O obxectivo desta Rede é consolidar unha base de traballo común, que xere confianza entre os axentes participantes e que posibilite o establecemento do Pacto Local polo Emprego na cidade.
O proxecto conta con tres grandes áreas de actuación: os itinerarios de inserción sociolaboral, o Pacto Local polo emprego e a elaboración de dous Estudos Técnicos.
As entidades que xa forman parte da Rede Coruña Emprega son:
Administración Autonómica
Consellería de Traballo e Benestar, a través do Servizo Público de Emprego.
Universidade da Coruña
Organizacións representativas dos traballadores e das traballadoras:
CC.OO.
C.I.G.
U.X.T.
Organizacións representativas do empresariado
Cámara de Comercio da Coruña
Confederación de Empresarios da Coruña
Federación de Empresarias de Galicia
Federación de Autónomos de Galicia
Terceiro sector:
Confederación Galega de persoas con discapacidade (COGAMI)
Cáritas Interparroquial
Cruz Vermella
Ecodesarrollo Gaia
Ecos do Sur
Equus Zebra
Federación de Asociacións a favor das persoas con discapacidade intelectual de Galicia (FADEMGA)
Fundación Mulleres
Caixa Galicia e Caixanova a través das súas obras sociais.
Fonte consultada http://www.coruna.es/


Martes, 13/4/2010
Son para fomentar o emprego, dentro da rede Coruña Emprega
Henrique Tello asina dous convenios de colaboración coa Federación de Empresarias de Galicia e a Federación de Autónomos de Galicia
O primeiro tenente de alcalde, Henrique Tello, asinou esta mañá dous convenios de colaboración dentro da Rede Coruña Emprega, un coa presidenta da Federación de Empresarias de Galicia, Isabel Iglesias, e outro co presidente da Federación de Autónomos de Galicia, Paulino Franco.
A través destes convenios establécese a realización de dous cursos, Auxiliar de Servizos no caso do asinado coa Federación de Empresarias de Galicia e de Montaxe de mobles e Carpintería no caso da Federación de Autónomos de Galicia.
En cada un dos cursos participarán un total de 15 persoas desempregadas que ademais de recibir unha formación específica terán tamén un período de prácticas nunha contorna real.
Os convenios establecen ademais o compromiso por parte das empresas de intentar conseguir o 40 por cento de inserción laboral dos participantes nos cursos.
Fonte consultada http://www.coruna.es/