O desenvolvemento de Itinerarios Integrados de Inserción Sociolaboral
dirixidos a mellorar o grao de empregabilidade dos colectivos obxectivo.
Os Itinerarios Integrados de Inserción Sociolaboral teñen como finalidade facilitar unha alternativa de emprego a persoas con dificultades de inserción sociolaboral, favorecer a inclusión social e a conciliación da vida persoal e laboral.
Os Itinerarios defínense, no proxecto Rede Coruña Emprega, como un proceso integral e personalizado polo que pasan as persoas desempregadas, co obxectivo de facilitar a súa inserción sociolaboral.
A personalización de todo o proceso vai unida ao deseño de procedementos que marcan a pauta de acción. Deste xeito, cada persoa usuaria conta cun plan de traballo individualizado.
Son perfís dos Itinerarios persoas en situación de desemprego e inscritas como demandantes no Servizo Público, con algún dos seguintes condicionantes asociados:
- Mulleres en situación de desemprego
- Mozos menores de 30 anos sen formación habilitante
- Maiores de 45 anos
- En paro de longa duración
- Persoas afectadas por unha minusvalía física, psíquica ou sensorial
- Persoas sometidas a maltrato físico ou psíquico
- Persoas en proceso de reinserción social
- Persoas pertencentes a etnias desfavorecidas ou minoritarias na sociedade
- Inmigrantes ou emigrantes retornados
- Coidadores e coidadoras non profesionais que atenden a persoas en situación de dependencia
- Persoas pertencentes a outros colectivos en risco de exclusión social e laboral
Trátase, polo tanto, de perfís que presentan diferentes dificultades, tanto para a implementación dos Itinerarios como para a súa posterior inserción laboral, o que supón para o equipo técnico un importante labor de orientación e seguimento durante todo o proceso.
Por outra banda, é fundamental establecer o compromiso, activación e coordinación dos principais axentes públicos e privados da cidade, involucrándoos no seu desenvolvemento, cun papel especialmente relevante na derivación de perfís ao proxecto.
Os Itinerarios Integrados de Inserción implican a posta en marcha dun procedemento de actuación que contempla o paso por diferentes fases:
- Entrada de usuarias e usuarios no Proxecto
- Entrevista de Diagnóstico Inicial (EDI)
- Programa de Orientación para a Procura de Emprego: accións colectivas de orientación para a procura de emprego e titorías individuais
- Concertación do Itinerario
- Redeseño do Itinerario
- Seguimentos durante todo o proceso, incluso dous meses despois da inserción laboral.
- Baixa no Proxecto Rede Coruña Emprega: voluntaria, motivada, finalización do itinerario ou inserción laboral